A historia da autonomía galega ilustrada
O 10 de Setembro de 2021 innauguramos a exposición 40 Anos de Autonomía de Galicia nas Caricaturas de Siro comisariada por Aser Álvarez e producida por Arraianos Producións. Cun total de 231 caricaturas seleccionadas como as máis representativas entre 2000 candidatas, esta expo permite coñecer de forma amena a historia completa da autonomía de Galicia dende a súa fundación en 1981 até a actualidade. Xerardo Fernández Albor, Emilio Pérez Touriño, Abel Caballero Álvarez ou Antolín Sánchez Presedo son só algúns dos nomes que atopamos percorrendo a exposición no Parlamento de Galicia.
Error
En 1985, Santiago Rey Fernández-Latorre propúxome trocar a Oficina Técnica de Bazán pola redacción de La Voz de Galicia para dedicarme so ao xornalismo, e aceptei. Foi un acerto. Juan Ramón Díaz, o director, tivo outro cando me dixo: “Vas facer cada día unha viñeta sobre o feito político máis importante na comunidade”. O éxito foi extraordinario. Ver en caricatura e en situacións cómicas aos protagonistas da política galega era tan novedoso, que divertía por igual a lectores e protagonistas das viñetas. Por iso, en 1986, celebrouse nos baixos de San Caetano unha exposición con cen orixinais e á inauguración asistiron líderes de todos os partidos.
Fun consciente de que na Voz estabamos a facer a historia gráfica da Autonomía Galega e, para que nada quedase por analizar, botei a vista atrás e ilustrei os feitos máis relevantes desde o comezo da primeira lexislatura, en Nadal de 1981. Parte desa historia quedou recollida nos álbumes Cofrades do Cristo da Autonomía (1988), 16 anos de Parlamento Galego (1998) e A Autonomía Galega nas caricaturas de Siro (2009).
Recentemente doei ao Parlamento Galego case 2000 orixinais e hoxe presentamos esta mostra cunha escolma de 230, feita, naturalmente, cun criterio de cualidade dos debuxos; pero na que tamén recordamos os momentos da maior trancendencia e a políticos con gran protagonismo, que xa non están con nós. Poderiamos facer outras, con 230 orixinais diferentes e serían igualmente representativas; pero esta é a que prefero para poñer punto final a unha vida de caricaturista político, que empecei hai cincoenta anos.
Siro